Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

viernes, 23 de octubre de 2009

Razón crítica e razón instrumental

A Modernidade suponse que é a época da razón, comezada con aqueles ilustrados ou iluministas que pretendían acabar coa sociedade estamental do Antigo Réxime. Este caracterizábase entre outras moitas cousas pola inmobilidade das súas clases sociais, o poder absoluto do rei, as alianzas entre coroas e a inexistencia da voz do pobo, pois esta, como moito, tíñana o alto clero e a alta nobreza. Aquí a palabra política era cuestión duns poucos e o chamado terceiro estado era esmagado polas clases dominantes. Mais isto acaba, supostamente, en 1789 coa Revolución Francesa, unha revolución social que sería imposible de entenderse sen que se producise antes unha revolución científica e unha revolución industrial. Se a primeira é fundamental para conseguir a autonomía, por fin, respecto á Igrexa e empezar a experimentar dende o punto de vista meramente científico, a segunda eleva á burguesía ata os nosos días como a clase social máis importante, xa que se incrementa o seu nivel adquisitivo cos negocios que se abren, creando todo un sistema sociopolítico e económico que responde aos seus intereses. En contrapartida para eles, créase un proletariado urbano que vive nunhas condicións ínfimas e isto leva a que se agrupen na procura de mellores condicións posicionándose en contra destes burgueses, con Marx á cabeza no século XIX.

Mais volvendo aos iluministas, estes sitúan á razón no centro da vida humana. Así, o seu sistema político, coñecido como Despotismo Ilustrado, baseábase na razón sobre todas as cousas e só aqueles que posuísen un nivel intelectual determinado poderían alcanzar ese posto de mando. Pretendían unha renovación económica, medidas sociais, o ensino universal, etc. Dende este punto de vista, o programa parece positivo a priori. Incluso o seu lema de Liberdade, Fraternidade e Igualdade fala dun sistema democrático. Non obstante, estas ideas chocan ao ser postas na práctica e aquí xorde o primeiro problema: o Despotismo Ilustrado define a súa ideoloxía como "todo para o pobo, mais sen o pobo". Isto é, estamos ante unha contradición evidente: todos somos iguais, pero os gobernantes están por riba.

Quizais iso explique a Historia ata 1989, onde se pode datar o inicio da Postmodernidade coa caída do Muro de Berlín. E é que ata esa data dende 250 anos atrás, máis ou menos, existiu unha tremenda tensión entre dous elementos que parten da razón ilustrada: a razón crítica e a razón instrumental. A primeira é a interpretación do mundo a partir da razón, xa que con esta se podería explicar todo. Certo é que existen movementos estético-artísticos e literarios que primaron a sensibilidade e a subxectividade, mais nunca descartaron a importancia da razón. De feito, aínda que mostrasen os románticos, por exemplo, os seus sentimentos, isto non exclúe que non perseguisen un fin político nas súas obras, neste caso o liberalismo. A razón instrumental, pola súa parte, é a posta en práctica desa razón crítica, a súa materialización.

A partir deste choque, podemos comprender a maioría dos movementos ditatoriais, por exemplo, e as atrocidades que se cometeron. Xa na Revolución francesa se cometeron crimes graves en nome da liberdade. Anos máis tarde, Napoleón quixo expandir o ideal ilustrado francés por Europa, matando a moitas persoas. Outra vez, o apoio no progreso serviu para ir na súa contra. Vemos, deste xeito, que a pesar de ter un fin que posiblemente non fose tan malo, a súa materialización contraponse ao seu ideario.

Pero o maior contraste, encontrámolo no século XX. Destacarei un personaxe que sobresae neste panorama: Hitler. Este cría nunhas ideas, as cales hoxe consideramos unha auténtica loucura e salvaxada, pero que no seu tempo eran ata certo punto "comprensibles". O alemán vía que Alemaña estaba sumida nunha crise económica importante despois da Primeira Guerra Mundial, tendo que pagar os desastres da mesma. Aí empeza a súa procura de culpables e o seu centro sitúase nos xudeus. Todos sabemos cal foi a súa posta en práctica e por iso hoxe vemos a tremenda atrocidade cometida para libertar aos alemáns, que xustamente nese momento tiñan máis cadeas que nunca.

Quizais, por todas estas cousas, a Modernidade fose a época das utopías e hoxe en día se entrase nunha idea de desencanto absoluto, pois ningunha idea política, por moi boa que sexa, é capaz de agradar a todos sen o uso da violencia. Triste, pero é así...

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario