Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

lunes, 5 de octubre de 2009

Os coñecementos vitais

Unha persoa é un compendio de coñecementos que poden ser aprendidos de diversas formas. Estes, segundo escribía Piaget, reinstálanse no cerebro a cada instante, con cada novo dato que recibimos. E é certo, somos computadores en constante mellora capaces de posuír innumerosos datos. Agora ben, téndese a asumir socialmente que só son importantes aquelas aprendizaxes académicas, as cales, supostamente, poden reportar un traballo. Porén, isto quizais suma ás persoas nunha intelixencia insuficiente respecto ao mundo real. É interesante nese sentido a película Slumdog millionaire, na que o personaxe principal resulta gañador do famoso programa de televisión a pesar de ser un subempregado dunha centralita telefónica. Acertará todas as respostas a partir das súas experiencias vitais, o que evidentemente é practicamente imposible, pero que responde ao pacto narrativo da ficción, polo que a debemos ver en clave simbólica.

As persoas pasamos ao longo das nosas vidas por distintas situacións das que aprendemos algo. Non sempre bo, tampouco sempre malo; ás veces indiferente... pero sempre aprendemos. Unhas veces asumimos eses coñecementos como unha regra establecida e dámonos conta de que as cousas non son así. E isto é tan vello como textos dispomos de tais cousas. Por exemplo, os gregos antigos sorprendíanse cando chegaron á India e viron que eses pobos bebían tras as guerra das cabezas das súas vítimas. Hoxe segue pasando o mesmo. Cantas culturas son repudiadas por accións consideradas "noxentas" polos do centro do sistema? Múltiples.

Outras veces eses coñecementos son sentimentais. Estes xa son máis comúns. A medida que se van producindo determindos contextos que se repiten na nosa vida imos adoptando unha postura ante eles que pode variar. Nisto inflúen moitas cousas: o grao de madurez, a transmisión externa de sentimentos, a reacción que xa tivésemos ou vimos a outros, etc. Sexa cal for o motivo, nunca o coñecemento racional (simplificando os coñecementos baseados en teorías) poderá substituír a reacción sentimental do individuo. Poñamos un exemplo, un home que chora a ausencia de alguén: sabe que non é bo chorar para o corpo, mais non o pode controlar. Como este caso miles e de diversa índole. Por iso, deberíamos facer unha análise de nós mesmos, tentar coñecernos un pouco máis, valorar as nosas reaccións e aprender, aínda que sexa racionalmente, como actuamos sentimentalmente.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario