Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

jueves, 29 de enero de 2009

Cabeza alta

"Vendo pasar os meus días pola noite sen ser eu mesmo. Esa é a miña vida dos últimos días e a que se avista cara aos próximos. Nada con sentido e sen solucións á vista.

De todos xeitos é o mellor que me pode pasar cando non se quere ser humillado tan claramente. Sen ser eu, non se pode rir de min..."

Estas foron as súas palabras antes de morrer coa cabeza ben alta.

*

domingo, 25 de enero de 2009

Unha cita que non foi

Camiñas con un camiño fixo, cara aquela luz que alumea a farola. Alí senta ao seu carón agardando a cita que tiñas con aquela persoa coa que sempre contaches. Pasan os minutos e non dá chegado. Van pasando tamén as horas e incluso os días e o único que por alí aparece de novo é esa luz da farola que se encende ao caer o sol.

Na casa, deitado na cama, sénteste frustrado e derrotado ante a ausencia daquela persoa coa que querías estar. E nisto soa o teléfono. Levántaste correndo desexando que sexa ela, pero non... Era unha voz descoñecida que atopara o regalo que tiñas para a túa amada.

Decides ir recollelo e descobres que a voz descoñecida é dunha persoa que aprecias moito. Recuperas o sorriso. Volves ter cerca a alguén a quen queres... Mais, de repente, esa voz tan agarimosa di:

- Tiñas unha cita hai 9 días e esperaches absurdamente. Deberías saber que se non veu foi por min e se nunca máis a verás tamén vai ser por min. Enganeite e ti caeches na trampa.

- Sabía que fora por ti, mais eu por quen viñen é por ti...

*

jueves, 22 de enero de 2009

Cambio de forma na masa

Moitas sensacións corren polas miñas veas cando volvo entrar nas miñas fronteiras. Ver que a chuvia segue recibíndome como aquel día no que nacín é algo marabilloso. É un renacer, un subidón de adrenalina que me recorda que, quen e por que son así. É esencial coñecerse a un mesmo para poder coñecer ao resto e viceversa.

Desgrazadamente, neste mundo as cousas non se interpretan así. As fronteiras non serven para delimitar un sentimento común respecto aos veciños, senón que o que se pretende (e conséguese, verdadeiramente) é que eses veciños sexan coma nós. Inténtase acabar coa diversidade e isto faise por dúas vías: a bélica, ben coñecida por todos, e a mercantilística, dificilmente apreciable a primeira vista, pero que é o argumento máis palpable para explicar a ausencia identitaria que hoxe existe. E cando existe, repito, é malinterpretada no sentido de que o resto ten que ser igual a nós por ser eles inferiores.

Eu sinto a miña terra e gústame que exista xente diferente no mundo. É o mellor que nos pode suceder aos compoñentes da especie humana, a cal debemos distinguir da masa humana, composta por aqueles que teñen unha mente que sae en cadea da fábrica capitalista. Conformaríame, non obstante, con que se fixesen respectar a todos os cidadáns do mundo os seus dereitos esenciais, que, dende o meu punto de vista, son os que aparecen na Carta dos Dereitos Universais. O malo é que isto vai en contra do aparato político-social, empeñado en seguir construíndo masa que descoñece aquilo ao que ten dereito de seu.

Polo pronto nada vai cambiar. O desenlace chegará dentro de máis ou menos 50 anos, cando a crise xa sexa irreconducible. As ditaduras clásicas volverán ocupar o seu lugar no mundo e a masa cambiará a súa forma, pero seguirá sendo masa. É unha interpretación negativa e pesimista, mais aí queda.

*

lunes, 19 de enero de 2009

Problemas capitais

Nos últimos meses non para de falarse da crise económica. O piar sobre o que se constrúe o capitalismo está ferido e, como é evidente, trasládase a todas as esferas sociais. Claro está que non afecta a todos por igual: hoxe hai máis ricos que antes da denominada "crise" por uns e "recesión" por outros; pero, sobre todo, hai moitos máis pobres.

Porén, non me interesa o máis mínimo falar das cuestións económicas. Diso xa se encargan outros señores. Porque o que realmente me importa é que por culpa disto son máis os individuos aos que se lles escapa das mans á felicidade; familias que sofren para poder dar aos seus fillos aquilo que necesitan. Iso non interesa a ninguén: é máis doado tapar a cabeza como a avestruz e pensar que as dificultades non existen.

Os problemas son moitos e diversos. Que un neno pequeno non poida durmir abrazado a un peluche é unha imaxe durísima. Que haxa persoas que teñan que pedir misericordia é triste. Que unha muller teña que prostituirse é matala. Que os inmigrantes sexan explotados e ameazados é inhumano. Que familias non poidan comer é inintelixible. Moitas, moitísimas, cousas son inxustas. E son inxustas porque en realidade poden mudarse; o problema é está no cumio do sistema, un sistema que se volveu totalmente tiránico. E, como ben dixo Albert Camus: "A tiranía totalitaria non se edifica sobre as virtudes dos totalitarios senón sobre as faltas dos demócratas". O pobo manda... se quere.

*

viernes, 16 de enero de 2009

Contan...

Conta os maiores que agora os tempos non son como antes, que todo é peor e que a xente non pensa o que fai. Verdadeiro e falso. Verdadeiro porque esta sociedade é unha sociedade enganada, egoísta e que non busca o benestar común. Mais tamén é falso, xa que a súa educación baseouse nunha ditadura e todo o que ela conleva. Aquí é onde xorde a miña primeira pregunta: esta democracia é real? Ou é unha ditadura con antefaz?

Conta a Carta de Dereitos Humanos (1948) que todos somos iguais e que temos os mesmos dereitos de liberdade. Entón levantas a cabeza e pensas: onde se pode ser libre se aquel que pregoa que existe tal cousa vai en contra diso? Por que unhas vidas valen máis cá outras?

Conta o Ministerio de Educación do Estado español (estando ao cargo de distintos partidos políticos por igual) que o obxectivo é formar persoas. En cambio, cada vez crean máis masa ignorante e menos individuos con raciocinio. A que se debe este fracaso? É interesado?

Moitas dúbidas que tentarán ser contadas neste blog, por unha persoa que pensa que moito hai que mudar.

*