Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

domingo, 1 de noviembre de 2009

O home arrepentido

Apegábase á súa copa de xenebra como se fose a súa salvadora. Ela era a única capaz de dar na súa vida triste unhas horas de alegría incontida. Ou iso cría el. Saboreaba cada gota como se fose a derradeira, como se fose o último que fose facer na vida e quixese acabar esta cun sorriso na cara. Só, sentado na barra dun bar de mala morte ascendía ao ceo tentando esquecer como se pudría no día a día.

O seu alcolismo era por todos coñecido, pero o peso da soidade era moito maior co da súa adicción. Abandonado pola súa muller e cansado de que aquelas que alimentaban as súas esperanzas acabasen olvidándoo, sentía especial indiferenza cada vez que se acostaba con alguén. Só quería gozar e sentir de novo o cariño. Logo despedíase e no seu sofá pensaba no que fixera. Imaxinaba á súa filla, que algún día medraría, vivindo unha situación semellante e choraba desconsoladamente.

Cada vez máis perdía o seu espírito. As súas clases xa non eran o mesmo; aquel profesor que deslumbraba quedara sen o interese e a ilusión. Tamén deixou de reivindicar os seus ideias, pois xa non cría nun cambio a mellor. Isto polo día. Pola noite, co alcol no corpo, recuperaba os seus vellos discursos cun público que o adoraba. Certamente, ninguén falaba tan ben como el. Así foi como coñeceu ao seu último amor. Unha bonita rapaza, tamén moi intelixente, coa que podía falar horas e horas. Conxeniaron ben nun primeiro momento, mais ela non tardou en cansarse. Apenas uns meses despois de se coñeceren, ela esqueceuno. Comezaba a velo como un home fosilizado e aburrido. El non tratou de impedir a súa perda. Estaba xa bastante acostumado a quedar sen nada.

Porén, as drogas comezaron a pasar pola súa vida. Metido en pelexas e quedando sen un duro, foi ausentándose ás clases. Pouco despois perdeu o seu traballo. Non tiña outro remedio que voltar vivir á casa dos pais. E alí foi, co pouco que posuía. Foi sincero e falou dos seus problemas, así que pronto comezou a recibir tratamento. Arrepentido de todo o que lle sucedera, decidiu tentar recuperar a súa anterior vida, pero para perdoarse a sí mesmo tiña que facer algunha boa causa. El mesmo prometeuse coidar a anciáns que precisasen axuda e varios a recibiron. Pouco durou... non porque se cansase, senón por deixar sen solventar as súas débedas. Caiu dun disparo na caluga.

*