Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

viernes, 31 de julio de 2009

Contra a Coroa

A semana pasada debatíase se era legal a pitada contra o "Rei" no partido correspondente á final de Copa disputado entre Barcelona e Athletic de Bilbao. Os xulgados aclararon que non é un ataque, senón unha mostra de rexeitamento amparada pola liberdade de expresión á persoa física de Juan Carlos (sen don). Son moitos os que nos mostramos contrarios a esa Coroa que durante tantos anos controlou os medios para evitar que se dixesen palabras na súa contra. Acabouse o choio, amigos. Hoxe temos Internet, móbiles, cámaras dixitais e centos de aparatos que permiten a comunicación entre persoas e que permiten que coñezamos realidades antes ignoradas.

Porque na voda do "principito" non había 300 persoas que se manifestaban en contra. Porque todos sabemos cantos cartos van para eles, que nunca moveron un dedo. Porque reinan arbitrariamente. Porque os puxo no trono novamente un amigo chamado Francisco Franco. Porque censuraron moitas bocas. Porque simbolizades a opresión. Por todas estas razóns e infinitas máis non os queremos. E é lexítimo, malia que non o queiran recoñecer.

Se é xusto que reine un home porque se apelide Borbón que baixe Deus (quen supostamente os puxo no poder hai moitos anos) e mo explique, xa que eu non logro entendelo. Se é xusto que no Estado español non se fixesen Cortes Constituíntes na transición que mo expliquen aqueles que non fosen ditadores cambiachaquetas transformados en "demócratas", pois non entendo que esta democracia sexa continuadora dun réxime fascista. E o culpable de todo isto é Juan Carlos. Pero aquí non pasa nada, dá todo igual, porque o "Rei" cumpre maxestuosamente (e nunca mellor dito) co seu traballo. Seguirá moitos anos, mais agora si se sabe que hai moitos que estamos na súa contra.