Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

lunes, 16 de febrero de 2009

O meu peixe é máis barato e mellor

Aproxímanse as eleccións á Xunta de Galicia e como sempre volve ás pantallas unha das comedias máis vistas da historia: a falsa loita entre varios homes que ofrecen cousas para ser o que mellor cae aos espectadores. Se un sobe as pensións con cartos que saen de debaixo das pedras, o outro fai quilómetros de AVE bordeando a todos o país e facendo no medio o símbolo do euro. Se un vai acabar co terrorismo en plan Matrix, o outro vai reducir os prezos ata que o litro de leite valla 5 céntimos. É dicir, promesas irrisorias que rara vez se cumpren.

Moi ao meu pesar, a audiencia desa comedia é tan fiel e se mete tanto no papel dos actores, que os acaban crendo. Si, é como esa ilusión que ten un neno pequeno que agarda a chegada duns reis magos que veñen de oriente con carros de agasallos para todos. Mais o produto audiovisual que nos vende a produtora do Goberno está moi coidado e pensado. Ten un público obxectivo, persoas maiores de 45 anos que desexan ser papaventos. Entón, os chistes van nese sentido: un di que os retirados terán unha casa arrendada polo Estado. Con isto gañarán audiencia, claramente, e ese actor terá máis posibilidades en paralelo de ser nominado aos Oscars do Parlamento Galego como mellor actor.

Esa comedia de tanto éxito da que falo está ambientada nunha lonxa e os protagonistas son tres peixeiros que loitan por vender o seu peixe máis barato para ter dese xeito máis clientes. Todos eles pelexan entre si con duras verbas. Non obstante, ao final todo é unha crúa mentira, porque son amigos e comparten negocio.

Ante esta pobre comedia sempre hai un público desencantado. Coa chegada das canles temáticas (nacionalistas convictos, esquerdistas, centristas...) ese resto aglomérase en pequenas televisións, que teñen que pagar para ver.

Nese público nicho atópome eu, cansado de ver como os chistes dos actores estrela non me fan graza. Xa me aburre escoitar que haberá máis traballo e que neses se cobren 600 euros ao sumo. Odio esa aseveración que di que o Estado español será no 2010 o lugar que máis quilómetros de AVE terá no mundo, porque na miña terra non hai ningún. Amólanme as falsas esperanzas de crear vivendas dignas, cando sei que eu me terei que hipotecar para poder ter 60 metros nos que taparme da chuvia e esperar que non teña goteiras.

*

viernes, 6 de febrero de 2009

Os autores románticos

Ao máis puro estilo do escritor romántico, decido emprender un novo destino co fin de coñecer mellor as cousas que me arrodean e das que formo parte. Tamén eles buscaban naquelas viaxes chegar a coñecerse mellor a si mesmos, ante a súa incomprensión do mundo. Iso si, discrepo con eles en que haxa que terminar suicidándose. Eles quizais o tivesen máis complicado cá nós para expresar as súas ideas, porén na nosa sociedade existen outro tipo de impedimentos que, sen ser leis, silencian moitas ideas.

Outra idea que me parece interesante daqueles románticos é a súa noción de nacionalismo, ligada sempre a teses liberais. E, por se existe algún tipo de dúbida, non a ideas neoliberais vinculadas á economía, senón a conceptos democráticos. Xa daquelas sucedía o mesmo que hoxe: os liberais chegaban ao poder, pero logo non cumprían as expectativas do que deles se esperaba e a mudanza unicamente na vida aparecía no nome. Actualmente fálase de democracia e eu sigo cuestionándome a validez dese termo.

Porén, o máis importante de todo é a posición privilexiada do eu, ese mesmo eu que hoxe se agrupa con individuos (non eus) para formar masa. É esencial que cada un sexa posuídor dunhas ideas propias, persoais. Non nos podemos deixar manexar por ninguén e confiar na ideoloxía do eu.

É máis que evidente que se podería falar de moitas máis cousas dos escritores románticos, pero eu quero acabar este texto dicindo que, ao igual que pensan moitos autores, o Romanticismo é un movemento que nunca morreu. Dentro de 100 anos saberemos se é certo ou non.

*