Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

sábado, 17 de octubre de 2009

Fe na relixión

As relixións gozan dunha gran importancia xa dende os primeiros documentos escritos que posuímos. A sociedade sempre estivo ligada a un Deus supremo, que serviu para dar resposta a moitas cuestións fundamentais: De onde somos? Onde imos? Mais tamén para que, por exemplo, na Grecia antiga tivesen explicacións para os fenómenos metereolóxicos. Se había tormenta debíase a que Zeus se encontraba enfadado. Evidentemente, coa ciencia, acháronse os elementos físicos da metereoloxía. O que podía parecer absurdo nos nosos tempos non o é tanto cando hoxe aínda vemos a algunhas persoas clamar a santa Bárbara para que cesen os tronos e os relámpagos.

Precisamente, a relixión católica non se afasta moito do vello politeísmo grego. Certo é que venden a idea de monoteísmo, mais cada localidade se consagra a un santo ao que se lle busca unha conexión co Deus todopoderoso. O mesmo sucedía cando Zeus mantiña relacións con múltiples mulleres das que saían heroes que permitían a cada lugar estar en conexión co Olimpo. Isto é unha cuestión fundamental para entender que a relixión, a pesar de ser vendida como algo unitario, está totalmente caracterizada polo contrario: a diversidade. E tanto é así que son varias as relixións que deixan á libre interpretación do crente os textos sacros. O problema vén cando só son uns poucos os que fan esa interpretación e a trasladan ao pobo raso como a única maneira posible de concordar coa relixión. Por exemplo, o Islam non é unha relixión violenta de por si; en cambio, existe unha rama fundamentalista que lanza constantemente a idea de que o obxectivo na terra é acabar cos "infieis".

E quen son os chamados "infieis"? Aqueles que cren noutros deuses diferente do seu. Pero pregunto eu: Estamos ante o mesmo Deus? Existe tal cousa? A resposta a ambas é unha cuestión de fe que deixo ao libre albedrío do lector. Non obstante, o que me chama a atención é que preto do 100% dos individuos refuxiámonos nun Deus, nunha forza superior ante as cuestións adversas. Xa a persoa pode ser máis ou menos crente (incluso atea) que recorre a aquilo intanxible para abordar os seus problemas graves. O porqué, dende o meu punto de vista, radica en que o individuo é un ser con medo por natureza, que como tal non pode vivir. Precisa un sitio na sociedade (é lóxico ao sermos seres sociais), pero esta non sempre ten respostas a todo. Esas cuestións transcendentais sempre nos teñen en vilo, o que se explica pola vella ansia humana de ser inmortais. Por esta razón, creo que as relixións (denomínense como se denominaren) sempre van ter un sitio entre o pobo, incluso naqueles países máis desenvolvidos e caracterizados pola desconfianza nas crenzas arraigadas da relixión. Seguramente as institucións queden desfasadas, o que é ata certo punto lóxico, pero a fe (sexa do tipo que for) manterase ata atoparmos algún día unha resposta a todo aquilo que tememos.

*

5 comentarios:

  1. Espero que no te moleste que comente en gallego, pero no me da para tanto. Es cierto lo que dices en este relato, pero no profundizas en nada en concreto. Puede ser que Dios sea una manera de refugiarnos en algo por el miedo que tenemos a tantas cosas...o simplemente que exista ciertamente, y unos crean dependiendo de la "fe" que Dios les haya dado

    ResponderEliminar
  2. jajaja! Non se pode falar de algo concreto e que non vexo! Pero bo matiz, Izaro xD

    ResponderEliminar
  3. Non, agora en serio! O que quería expresar en poucas palabras é que as relixións como institucións están condenadas á desaparición sempre e cando non exerzan a forza; mentres que a fe se manterá polo menos nos momentos de crise.

    ResponderEliminar
  4. mmm...es una crítica a mi estado de crisis? lo digo por "la fe se mantendrá por lo menos en los momentos de crisis"

    ResponderEliminar