Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

viernes, 24 de abril de 2009

Os símbolos

Vin sentir o medo ante a miña presenza e vino sentir tamén en min. Os meus ollos enfurecéronse e eran lume que abrasaba a quen miraba a eles e eran insignificantes no espello da miña casa. Repetín centos de veces as mesmas cancións e as mesmas frases ("Skate or die", sobre todo) e nunca ata agora souben que non me representaban.

Formar parte dun grupo é asumir certas ideas, conceptos que non son discutidos, senón de obrigado cumprimento. Iso desvirtúate na soidade. Cos teus compañeiros de ideas es forte, capaz de calquera cousa con tal de que o resto vexa en ti que es o máis atrevido e respectable. Só es simplemente un covarde, unha persoa que necesita dos seus símbolos para sentirse alguén.

Por que a xente goza tanto dos símbolos e os adora por riba de todo? Por que o amor á bandeira? Por que a imaxe dalgún personaxe ao que hai que imitar? Medo, nin máis nin menos, a quedar só, fóra dun grupo social, reivindicarse como algo que en moitos casos nin chega a ser. E todo porque nesta vida parece que es ou non es; é dicir, parece que é necesario ter que levar algo que sexa o reflexo da nosa ideoloxía. Sinceramente, paréceme absurdo. Creo no individuo e as súas ideas, propias e dificilmente compartidas con calquera outra persoa (seguramente sexan coincidentes en moitos sentidos, pero é case imposible que coincidan nun 100%). Persoalmente, eliminaría todos os símbolos do mundo por crear un símbolo persoal, intransferible, verdadeira manifestación dunha sociedade libre.

*

lunes, 6 de abril de 2009

A fragmentación de Pessoa

O outro día analizando a obra de Pessoa descubrín que o seu éxito, se xa é suficientemente grande, será maior co paso do tempo. Un autor capaz de mostrar as varias perspectivas existentes no ser humano é un autor que vai un paso máis alá, que traslada unha realidade que nunca é única, e que sempre pode ser interpretada de moitos modos.

Cervantes inaugurou tal cousa alá polo século XVII, pero sempre dentro da propia obra. Mais o que fai Pessoa é atomizarse, descubrir varias personalidades existentes dentro de si mesmo e que leva a que os seus propios títulos se distingan en función de se quen escribe a obra é o Pessoa ortónimo, os seus heterónimos ou algún dos seus semi-heterónimos. Leva esta idea ata o extremo, algo que apaxoiaría a Bazthín. Este foi o primeiro en falar das diferentes caras que temos os homes e as diferentes formas de falar segundo a situación en que nos atopemos.

Somos un e somos moitos. Porén, o peculiar en Pessoa é que di que el está formado por varios individuos e non por un só. Chama a atención que nesa fragmentación falte sentimentalidade amorosa, o que dende o meu punto de vista reduce parte da grandiosidade pessoana. E non só iso, senón que a forma intelectualizada de entender a poesía conleva a ausencia de humanidade nas persoas. Son os meus únicos peros posibles. Non obstante, estou completamente seguro de que este autor seguirá medrando máis e máis.

*