Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

sábado, 30 de octubre de 2010

Boas noites e boa viaxe

Noite fría, pero seca. Non como o ano anterior ou hai dous que se puxera perdido cos seus amigos por causa dunhas fortes chuvias habituais por esas latitudes. Agora era a ocasión perfecta para saír e bailar as cincocentas cancións que repetirían na televisión e, de paso, coñecer algunha rapaza, que se xa se preparan normalmente, hoxe aínda máis. Dende que deixara a Paula, convertérase nun depredador de primeira. Porén, nunca quixera romper con ela totalmente. De vez en cando unha chamadiña e a durmir xuntiños. Fácil e rápido. Por iso lle daba un toque agora, para ver se podían quedar máis tarde. Unha vez, dúas, tres... mais o móbil só daba rede colapsada. "Boh, merda! De todas formas ela tamén sairá ata as mil".

Abría a porta e daba uns pasiños polo exterior. Ningún ruído, só as voces que saían do aparato radiofónico da súa saliña. Acendeu un cigarro e fumou devagar, tentando non lembrar o que estaba a perder. Mais era imposible. Só pensaba no fácil que é pillar cacho en noites como esta. O alcol facía milagres e calquera ano sería canonizado nunha festa destas. Con catro tías diferentes o ano pasado. "Ostia, por que a min?".

Acabou o cigarro e volveu entrar. Mirou a hora e comezou a facer montonciños de moedas con 35 céntimos que encheron a mesa. Logo comezou a observar os botóns dun equipo de control remoto e pulsou repetidamente o verde de subir e o vermello de baixar, tan mecanicamente que tiña a mente completamente en branco. Ata que a radio o alertou. Chegaba a hora. Entón abriu velozmente a bolsa que lle enviara a súa nai con comida e sacou as uvas. Enguliunas unha a unha. Despois iniciaron os fogos. "Pedazo cabróns. E agora chega o peor".

Foi outra vez para fóra, fumar outro cigarro, mais esta vez non puido acabalo. Tirouno pola metade porque un coche se aproximaba. Voltou novamente á saliña, quitou a súa chaqueta e quedou co xersei do uniforme.

- Ola, boas noites.
- Ola. Canto é?
- 1.65.
- Carallo, volveu subir.
- Hoxe soben moitas cousas, xa sabe.
- Pensaba que tiña xusto, pero non. Toma dous euros.
- Graciñas -colleu o diñeiro e agarrou un dos montóns de moedas-. Aquí ten o troco.
- Moitas grazas. Pois nada, meu, feliz ano.
- Igualmente, señor. Boa viaxe.

*

1 comentario:

  1. Pero agora xa non se pode fumar... nin tampouco se pode cambiar... Feliz ano 2011, Yago

    ResponderEliminar