Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

martes, 12 de octubre de 2010

Correspondencia con

Coa camisa por fóra e un ollo máis aberto que o outro, entrou. Sabía que o seu aspecto non era o mellor, pero o alcol facilitaba o seu estado de indiferenza. Todos reparaban nel, mentres a súa única intención era chegar esperto ao seu destino. Cheiraba a xenebra. Maldita festa. E eu que só saía para tomar unha birra. Claro, comezara pola cervexa de litro, que sempre acaba quente e crea unha sensación de necesidade de pedir outra fría. Así comprou a segunda. Tamén de litro. A outra botella, aínda que sen gozar tanto dela, quedou sen gota. Na miña terra din que é pecado deixala. Estivera con aquela moza que o fascinaba. Falaba coa ilusión dun neno pequeno, como aquel primeiro día que a bicou. A moi puta sabe foderme sen foder porque fode con outro. Ela despediuse del e el despediuse da cervexa para dar paso á xenebra. Oh, bendita anestesia. Chamou ao Rafa e foron a aquel lugar onde sempre se pesca algo. Yeah, houbo sorte. Estaba a Helena e outra vez foi conquistala. Sabía que era un obxectivo brando e que voltaría sen moito traballo aos seus brazos. Agora bótolle uns polvos e cando me aburra outra vez á merda... ás veces ata me dá pena. Rafa, entretanto, desaparecera. Saíu do pub e directo á súa casa. A borracheira impedíalle ir recto, pero conseguiu chegar. Nesas andaba, cando se deu conta de que tiña que baixar.

... Há correspondência com a linha amarela.

Por alí pasaba Daniel, o seu compañeiro de clase. Con cara de sono levantou a man facendo unha especie de saúdo. De onde virá este carallo? Aseado, e vestido de vaqueiros e camisola branca, tiña o seu día máis duro. Clases de oito a oito. E só dúas horas para descansar. Quen fixera estes horarios? Levaba a súa carpeta na man. Nela, unha foto do Che e algunha pegatina de outros revolucionarios. Tamén levaba un libro do Pepetela. Ese si que sabe. Adoraba a literatura, sobre todo aquela que se centraba na crítica social e política. A arte debe ter unha función. Sentado, ollaba para fóra escoitando o seu mp4: "Y si nos pintan como unos huevones; no lo somos, viva México, cabrones". Todos as mañás as mesmas cancións. Un non se pode durmir nos laureis. Acababa a melodía de Molotov.

... Há correspondência com a linha vermelha.

Aquel home traxeado parecía un peixe gordo. Cabelo a un lado e engominado, desprendía un cheiro moi agradable. De camisa branca, portaba un maletín. Espero que lles guste o maldito proxecto. Había semanas que traballaba naquilo. Unha aprobación por parte do estado significaría un millón de euros para a empresa. É a oportunidade da miña vida. Sentado, comprobaba unha e outra vez todos os papeis. Non podía faltar ningún. Todo en orde. Se todo saía como esperaba, nun par de horas estaría celebrándoo cun bo viño. O móbil soou de repente. Un aparello última xeración. Sonia, que foi? Si, vou para alá. Xa, xa. O de sempre. Que tal o parente? Que a ver se come un día co Manuel. Si, si, xa mos coñezo. Nunca entendín por que traballamos tanto o proxecto. Ri, ante a mirada das persoas que o rodeaban. Espera un momento que aquí non se escoita. Só un momentiño que isto xa para.

... Há correspondência com a linha azul.

Chocou con ese roñoso que molesta sempre. Cego, agarra nunha man o seu bastón e na outra un bote. Camiña dun lado para outro. Deus vos bendiga a todos, irmáns. De vez en cando un chsss. Esa era de 20 céntimos. Pantalóns desgastados e a súa xa habitual cazadora de pana verde. Bastón a un lado, bastón a outro. O espazo é o que el marque. Nin se molestan en apartar estes fillos da puta. Unha moeda, por favor. Move o bote e soa outra vez o tintineo. Chsss chsss! Dúas moedas dunha señora. Xa teño para comprar os pasteis. Continúa o camiño. Pasa do lado dereito da barra. Catro pasos e chega á porta. Non estivo mal.

... Há correspondência com a linha verde.

*

1 comentario: