Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

domingo, 2 de octubre de 2011

Amo a mar

Era unha tarde soleada do mes de maio. Avanzaba o tren pola beira do mar, deixando á dereita preciosas paisaxes e collendo á esquerda máis pasaxeiros que viñan de gozar dun domingo de praia magnífico. Sabía que non me quedaba moito por alí, así que a maior parte do traxecto dediqueino a gardar pequenas instantáneas. Os amigos, a mar, o meu libro preferido que lía o home do lado... en fin, un pedazo da miña vida. Pasaba o tempo para diante e para atrás sen ningunha liña que o delimitase. Mais, de repente, apareceu esa liña, normalmente invisible, pero que por tres segundos apareceu. Era ela, cos seus dous cans. Ambos, de razas diferentes. Os dous ladraban, aínda que só un falaba. Parouse todo por completo, volvendo a miña existencia a un pasado anterior ao pasado que hai pouco lembraba.

Os meus amigos recibían ás súas preguntas silencio. Esquecéraos totalmente. Non sabía onde estaba, porque volvera vela. O seu pantalón gris, a súa longa melena. Transcurriran varios anos dende que a contemplara por última vez e mantiña o seu rostro divino como daquela. Baixaría do tren se soubese que nel estaba; talvez non, xa que sempre tiven medo aos seus cans. Agresivos, feos e aburridos, aproveitaban calquera escusa para atacarme. Creo que os meus desexos serían frustrados outra vez por eles.

Non durmín en varios días lembrando aquela pequena escena. Sentimentos diversos foron aparecendo en min, positivos e negativos. A cada sentimento teórico funlle pondo unha acción concreta. Paixón, raiba, envexa, desolación, soidade, adoración, ira, revancha. Foron semanas complicadas nas que nunca estiven dous días igual, o que non cambiaría ata que a distancia temporal e espacial me fixo falar friamente daquelas imaxes que hoxe conservo na miña cabeza.

Volvera todo á normalidade, ata que onte os tres segundos do mar coa miña serea reconstruíronse nos meus soños. Era tan forte a sensación como a daquel tren; o meu corpo conxelouse e ansío volver a aquela praia. Seguía alí, lonxe, cos seus cans. Porén, un, estaba doente, aínda que me seguía mirando con superioridade. Perdera algo, pero gañara á vez. O meu estado volve ser volátil, mudable a cada instante. Agora invádeme a dúbida: e se eu estivese agora naquel tren? Baixaría? E se o seus cans desaparecesen? Seguiría con temor? Pero, e se aquela escena só fose un soño? Sería o soño dun soño? Non teño respostas certas, pero naquel soño amo a mar.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario