Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

jueves, 14 de octubre de 2010

Desafío ao conquistador

Amo o odio dos teus ollos. Neles vexo o presente, pero tamén o pasado e o futuro. Es un conquistador, levas o sangue do teu pobo; non podes negalo. Dirás que eu tamén o porto, mais non, porque eu fun conquistado e colonizado (un paso máis aló do que ti fas). Continuamos a rebelión, aínda que cando te observo sempre penso que o meu forzado emperador é un santo ao teu lado. Agora chego a terras túas para desafiar o teu poder. Non pretendo guerrear. A derrota do meu bando é clamorosa. Un só soldado e sen máis arma que o sentido da vista e os meus ideiais. Podes atacar cando queiras. Sigo á espera, pero sei que nunca vas vir. Sentes medo de min, da miña simple presenza.

Podo percebir a túa aproximación de lonxe, cos berros que soltan aqueles a quen tes sometido. É entón cando levanto a cabeza. Axéxote dende a distancia e non te saco a mirada. Cravo os meus iris en ti. "Ven a min, cabrón", di a miña mente. En cambio só baixas a cabeza. Tendo tanto poder e non te atreves a facerme o mesmo que ao resto. Por iso me achego a ti. Non escapes máis, por favor. Só quero saudarte, dicir quen son e a que veño. Non sei por que nunca o fixemos, se nos coñecemos tan ben. Ou me dirás que non? Porque, dende que aquel mensaxeiro che deu a carta na que te informaban da miña chegada, estás tremendo.

Reaccionaches como os teus ancestros. Volta á violencia sobre os febles, aínda que eles te amen. Porén fáltache unha información. Xa cho dixen antes. Ti cres que eu veño de parte do meu conquistador. Non. Estás errado. Es consciente de que el conquista e logo coloniza, a diferenza túa, que só te impos sobre un territorio, extraes a súa riqueza e vaste. Voltas de vez en cando, xa que alí deixas un porto que acerque as riquezas. E ese porto, aínda que a xente saiba que vai na súa contra, sempre che dá a benvida. Coitados. Que lles ensinaches? Nada, son uns analfabetos. Décheslle catro instrumentos e a vivir de dúas melodías. A min, tamén conquistado, déronme algúns libros e a posibilidade de pensar. Ese é o verdadeiro terror que deberías ter ao me veres. Non vou provocarte na túa terra, nin moito menos tentar causar unha revolución na túa contra. Iso si, se o teu pobo me pregunta, vou defender as miñas ideas e pedirei a túa morte. Non participarei nela, pois non é a miña batalla. Se formase parte do meu conquistador, ben saberías que tería que loitar. Pero podes estar tranquilo, que non moverei un dedo. Só o fusil dos meus ollos e as palabras en resposta a mentes baleiras que se queiran abrir.

Si, amigo. Un día todas esas mentes en branco que posúes van encherse. Deberías aprender un chisquiño máis da historia, a pesar de que vivas dela. Primeiro serán poucos os que te neguen como lexítimo e pisaralos como formigas. Non hai problema, salvo que cando morre unha formiga, as súas compañeiras aparecen para rescatala sen importar que xa non teña vida. En consecuencia faralas saír do seu formigueiro e todo o mundo saberá o que pasa. Aí terás que dar concesións para acalmar o espírito rebelde. Tes sorte de que nunca tiveron a oportunidade de ler cousas libremente. Non lla deches, de aí que todo vaia máis lento. Pero caerás nunha morte lenta. Quizais quedes durante uns anos, apoiado por un sector do pobo, os das clases máis altas que poden calar á inmensa maioría de pobres. Estes últimos algún día liberaranse, acabarase a escravitura e despois: pum! Perdes outro territorio.

A solución que vas adoptar tamén a intúo nos teus ollos (sempre tan pechadiños e cheíños de ira). Fortalecerás aquilo que che quede, non vaia ser que outros cho leven. Vas resistir, non teñas medo. Porque es conquistador, pero para o resto do mundo non es ninguén. Non quero quitarte méritos. Se che consola, eu tampouco importo aos demais. A distinción está en que para ti é revelante (quen dixo que eras pequeno?); para min, non. O único pero que lle podes pór a ser pequeno (si, élo. Síntoo) é que vas ter que facer algunhas cousas que non queres. Unha delas, educar algúns dos teus súbditos. É mellor seres atacado por eles que por outros máis fortes (recorda por que me tiñas medo, aínda que esteas errado). Así comezará o teu declive. Atacarán primeiro nas proximidades e máis tarde chegará esa loita ás túas afastadas propiedades. Pouco a pouco irante minado, terás que empregar miles de efectivos que ou te abandonarán ou morrerán. Quedarás só e serás derrotado por unha simple flor. Entón o pobo abrirá os ollos e se acordará de min, daquel que esperou sentado a que acabases con el por medio da forza. Mais xa non estarei nesa última batalla, a dunha terra que loitará por saír de varias crises. Conformareime con que algún día resolva a da súa identidade.

*

1 comentario:

  1. Yago tio,pido la edición bilingüe,q es más comodo xa nstrs ,castellanos.muack!

    ResponderEliminar