Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

viernes, 9 de julio de 2010

O gato e o burro (I)

Hoxe aínda me estou a dar cabezazos contra a madeira superior. Só a min se me ocorre non pensar. Co feliz que podía ser hoxe. E agora pechado nesta merda de cadaleito. Cajoendiola. Ata aparecería nos libros do futuro. Eu, que nunca estudei nada, desvelaría un dos maiores segredos do mundo. Ben, vouvos contar a miña historia. Así aínda fago algo esta noite, que seica os domingos non nos podemos mover.

Un día coñecín a un chinés dos que montaron a tenda na vila. Ía á mesma tasca que nós e rápido se afeccionou aos viños do Manolo. A nós os seis (que era os que estabamos), claro, todo nos chamaba a atención nel. Baixiño, ollos rasgados... Foi a novidade. Pero o que máis me sorprendeu a min non foi o seu aspecto, senón os seus hábitos. Bebían licor de serpe e comían can e gato. As voces de sorpresa e gargalladas ouvíanse na mesma Muralla que montaron os ancestros do noso novo amigo.

- Carallo, entón aquí estades alimentados que nin a vida, eh? Cans e gatos soltos e arroz barato... -dicía o Xurxo.

O chinés ría friamente, como finxindo ou tramando algo. El engadiu que tamén comían de vez en cando outras carnes como o porco ou a tenreira, mais que eran menos saborosas. Tamén lle gustaba o peixe, afirmaba. Foi pola sétima cunca cando me decatei de que algo agochaba. Foi aí cando lle preguntei en baixiño se non tiña nada máis que contar. Respondeume nervioso que non. Cazárao sen se apercibir o máis mínimo. Nese momento, con palabras pouca claras polo poder do alcol, espeteille.

- Manda collóns! Vós sodes mil millóns no voso país e nós en Galicia só tres. Algo pasa...

El negou tentando aparentar firmeza e dicindo que se debía á amplitude do territorio. Tíñao calado e só me faltaba discorrer de que se trataba o engano. Pagueille as miñas cuncas e as do chinés ao Manolo e marchei. Fun todo o camiño a darlle voltas ao maxín sen chegar a ningunha conclusión. Ao entrar na casa esperaba a Maruxa todo enfurruñada na cama. "Que horas son estas?". Mais non reparei moito. Deiteime ao seu carón e quedei medio a durmir, medio a matinar. E, non sei a que hora, saltei da cama:

-Pilleite, herba oriental! Sonche máis agudo cá ti. Aos outros podes enganalos, pero a min non!

A Maruxa espertou máis enfadada aínda. Acendeu a luz e mandoume directo ao sofá, "borracho de merda".

- Non te poñas así, muller. Que dormes ao lado do home máis listo do mundo.

Saín do cuarto e non fun ao sofá, senón que saín á rúa para procurar o que precisaba para me converter nun heroe nacional. Atopeino e voltei outra vez para a casa. Encendín a luz da cociña, cortei en anaquiños aquilo que traía e metino na boca. Despois tiña que probar os seus efectos. Daba un pouco de medo, así que collín o coitelo e craveino despaciño nunha man. Nin rastro de sangue. Así que me enchín de valentía e craveino no corazón. Ao principio con pouca forza, pero apretando cada vez con máis forza. Tanta que a punta do coitelo me saíu polo outro lado. E eu seguía alí, como se nada sucedese. Conseguira o que quería. Feliz, volvín ao cuarto e metinme na cama sen facer barullo para que a Maruxa non espertase. Caín rendido e espertei á unha da tarde do día seguinte.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario