Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

lunes, 5 de julio de 2010

Clase maxistral

Tomamos a penúltima copa no Molly´s. En directo tocaba un saxofonista. Era dos seus preferidos, dicía. Para min era a primeira vez que o (ou)vía. Contábame, mentres fumaba un cigarro sensualmente, que fora de pequena ao conservatorio. Dez anos case sen se separar do violín e outros case vinte sen o sacar do armario. Eu repliquei que de vez en cando quedaba cuns amigos cos que me divertía facendo soar a miña guitarra. Sabía algunha canción das que puñan na radio.

Tres meses despois de coñecela, aínda sentía certa vergoña con ela. Observábaa de reollo cruzar as pernas. Estaba tan potente. E o mellor é que era toda para min. Os meus amigos tiñan envexa... É que esta muller é demasiado.

Cando acabou o concerto, díxome se quería tomar a última copa na súa casa e, como non podía ser doutro xeito, aceptei. Íamos os dous contentos pola rúa, abrazados e ríndonos con bromas absurdas. Chegamos á parada do taxi e subimos. "Á urbanización Piñeiro número 23, por favor", soltou con dificultade. O seu chalet era impresionante. A última vez que estivera alí bañámonos na piscina ata as 4 da mañá. Hoxe facía algo de fresco e ela non me deixou que me metese. De feito, antes de que puidese intentalo outra vez, xa me mordeu a boca. Devecía por unha relación. Notábase. Sempre que había sexo, mandaba ela en todo momento. Era fascinante. O mellor que probei. Botamos un polvo que nos saciou aos dous, ela encedeu un pito e eu dáballe bicos polo pescozo, mentres lle susurraba que me encantara estar con ela outra vez. Acabou o cigarro e durmimos espidos.

Pola mañá, espertoume ela facendo agarimos suaves sobre o meu peito. Eu aínda tiña sono, mais rápido me fixo baixar o sangue. O polvo matutino foi aínda máis salvaxe. Pedíame que berrase con forza. Ela facía o mesmo. Esforceime todo canto puiden para agradala e creo que cumprín. Logo veu o rato pesado no que remataba. Nunca sabía que dicirlle cando non quedaba alcol no meu corpo, así que me inventei a escusa de que quedara ás 12.30 para xogar un partido e dirixinme ao baño para pegarme unha ducha. Logo vestinme, unha despedida rápida e avancei cara á parada de autobús. Era o 7 o que me levaba ata o meu piso. Dende alí tardaría preto dunha hora, polo que se tivese partido realmente non chegaría. Deille voltas durante o traxecto a que pensaría en realidade de min.

Ás 12.45 entrei no meu piso compartido de estudantes. Había caixas das pizzas tiradas polo chan e cartóns de viño, botellas e vasos ciscados polo salón. Perdérame unha boa. Despois de durmir nun precioso chalet, aquilo semellaba un cortello. Púxenme a arrumbar un pouco o meu cuarto e logo deiteime sobre a miña cama, á que lle saían os ferros por todos lados. Cando xa pechara os ollos e o sono se apoderara de min, o son do móbil espertoume. Era unha mensaxe dela:

- Gustoume moito volverte ver na miña casa. Vémonos mañá en clase, así que disimula cos teus compañeiros. Un bico!

*

1 comentario:

  1. jaja, esta historia e un batuburrillo de historias... en Salamanca unha rua chamada piñeiro? jajja e o das caixas de pizzas despista... pero cando dis o da guitarra queda todo claro xa jaja, pero boa a historia, e acordate do pronostico que fixen de holanda... na final.

    ResponderEliminar