Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

miércoles, 7 de julio de 2010

Clandestino

Meteu as mans nos petos e colleu todas as moedas soltas que tiña. Intoduciu varias na cabina telefónica e marcou os 18 díxitos. Un ton, dous tons, tres tons...

- Si? Quen é?
- Ola, anana!
- Ola, Papá! -a sorpresa fixo berrar por toda a familia-. Mamá, Tom, vinde aquí! É papá! -volvendo ao pai-. Chamas por que vas volver pronto, verdade?
- Claro, cariño. Nunhas semanas xa estou aí de volta outra vez -contendo a respiración e metendo outra moeda-. Como está a miña princesiña?
- Xenial, aínda que te boto de menos. Mamá comproume o outro día unha boneca preciosa e a Tom unha bicicleta. Cando veñas, vas xogar connosco, a que si?
- Teño moitas ganas, parrula! Se vos portades ben, lévovos eu algo de aquí tamén. Pero tendes que ser bos, eh?
- Eu sempre son boa, papá! O outro día ata rifei a Tom por ir montando con outros catro amigos nunha moto.
- Este Tom -dixo rindo-. Menos mal que estás ti para pólo no bo camiño. Vasmo ter que pasar, que xa sabes que non podo falar moito.
- Vale, papi! Volve pronto!
- Quérote moito -suspirou, mentres outra moeda de 20 céntimos caía no aparello-. Un biquiño.
- Ola, papá -dixo entusiastamente Tom-.
- Tommy, fillo! Que tal vai?
- Estupendo. Viches o partido do outro día? Xa estamos en cuartos. Somos o primeiro equipo africano en conseguilo.
- Vino cuns amigos. Foi impresionante. Aquí todo o mundo quere que gañemos.
- Pois aquí hai unha festa tremenda. Despois do partido todos fomos á praza para celebralo.
- Por iso o da moto...
- Si, claro -riu-.
- Así que mamá comprouche unha bici, non? -outra moeda máis e xa só lle quedaban dúas de 50 céntimos-.
- Si. Encántame! Xa me dixo que foi un agasallo entre ti e ela!
- Agora a gozar con ela. Pero con coidado, eh? Pásame a mamá, anda! E coida dela e da túa irmá!
- Claro, papá! Deica pronto!
- Sam, amor! Que tal andas?
- Derreado, raíña! Non paro de camiñar, durmo pouco e a xente merca pouca cousa. Ademais a Policía séguenos moi de preto.
- Outra vez os malditos papeis, non?
- Si, outra vez esa merda -penúltima moeda-. Ao Jerry xa o mandan para casa esta semana. Eu conseguín escapar o outro día dunha redada; o que si, caéronme algunhas pulseiras polo camiño.
- Anda con tino, non che vaian dar unha boa malleira. E tes cartos para comer?
- O suficiente. O resto todo volo envío, xa sabes -última moeda-. Cómpralle aos críos o que queiran. E ti tamén. Eu, cuns poucos pesos, aguanto.
- Pero non deixes de comer, que logo me sinto mal cos agasallos dos nenos.
- Non penses niso, amor! Eu tamén estou a aforrar para que poidades vir, pero fáltame aínda bastante.
- Soño con iso todo o día. Sería tan...
- Perdoa, ceo! Isto cúrtase. Teño que despedirme xa!
- Que mágoa! Cóidate moito por aí!
- Fareino! Anda con ollo cos nenos. Quér...

Acabaron as moedas, colgou o teléfono, mirou a ambos lados para ver se estaba a Policía e continuou o paseo na procura dalgún posible comprador.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario