Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

sábado, 8 de octubre de 2011

O fin do fin

Pasaba as follas daquel libro intrigante, quizais unha das mellores novelas policíacas da historia. Na miña mente tiña tres asasinos posibles e, a falta de vinte páxinas por ler, os meus desexos ardían por saber quen era o culpable. Catro noites me acompañou a historia na cama, ata que encontrei entre as follas un papeliño. A nota parecía de moito tempo atrás; cheiraba a vello e a tinta azul contrastaba co amarelo do que antigamente fora branco. Ao principio custoume entender o que alí estaba escrito. Era unha letra cursiva, que perfilaba as curvas en cada signo, quizais para contrastar co que alí se dicía: "Unha historia ten que ter un principio e un final, pero a nosa quedou no medio; sen empezar nin acabar. Seremos as personaxes deste libro: hai un culpable, pero o noso, para o resto, nunca existiu. Ata, e para, sempre. I.L.". Lina ducias de veces, porque a vida, moitas veces, é unha novela. Enrédase sen nós o sabermos. É máis, nese xusto momento eu iniciaba outra pequena historia da miña propia novela: procurar quen escribira aquelas frases. O libro estaba na miña casa dende hai varios anos e non había moito costume entre os meus de ler. Preguntei como chegara alí, pero era evidente que ninguén sabía. "Sería un regalo", "sería do teu avó", sería, sería, sería... Evidentemente non falei da nota a ninguén, pero na miña mente estaba convencido de que ía dirixida para algún dos meus achegados. Entón naceu en min un aire policial e comecei a indagar no pasado da familia. Descubrín centos de cousas que nunca soubera: a miña avoa nacera en Bos Aires e pasara alí os seus primeiros dez anos, o meu avó nacera nunha familia de fidalgos que se negaban a perder os seus dereitos, pero el quería casar cunha empregada da casa porque estaba farto dunha vida ilusoria (ao final coñeceu á miña avoa, sorte para min que, do contrario, non estaría a escribir agora). A miña nai fora expulsada do instituto un ano por querer igualdade entre homes e mulleres e o meu pai estudou un ano obrigado para ser cura. Estas e outras fantásticas historias mudaban a miña perspectiva dos que me rodeaban. Chegaba á cama e pensaba nas aventuras que viviran e tentaba cadrar aquela nota antiga coas súas vidas. Todos tiñan posibilidades de ser receptores. Pasei varias noites a pensar para quen podía ser, pero non se me ocorría nada. Así dunhas semanas, nos que esquecera a outra historia que tiña na miña mente: a do libro ao que me enganchara. Tampouco sabía o final, aínda que tampouco quería sabelo xa. Quizais sexa mellor non pórlle nunca final ás cousas.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario