Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

domingo, 16 de octubre de 2011

Camiño do cuarto

Unha semana e cuarto. Iso falta, sempre o recordan ás 22.00. Quizais o cuarto soe a moito, cansados de escoitalos nas clases de Historia ou de Literatura. Tamén, talvez, por esta razón personaxes históricas ou escritores nos parezan pantasmas ou meros protagonistas de entretidas ou aburridas aventuras. Pero non, os cuartos chegan e pasan tan fugazmente como as leccións estudadas. E é aí cando facemos, outro ano máis, un balance. Mais, remarcado desta vez pola palabra "cuarto".

Fugaces e permanentes, así son as miñas lembranzas. Escatimo as fugaces, porque ocuparían máis nesta liña que na miña liña. As pemanentes, por se alguén non se dera ou quixera dar conta, están todas nos breves textos escritos ata hoxe. Nada é en van, nin os silencios, nin os regresos, nin tan sequera a brevidade. Entendamos que isto non contradi necesariamente que todo o escrito ata hoxe sexa permanente. Porque o é; cada personaxe é real, vive; cada escenario está construído e mantén a súa estrutura aínda segura. Incluso moitas das historias poderían ser aumentadas.

Por outra parte, os textos ideolóxicos fortalécense co tempo. Bo sinal que se manteña o espírito soñador e combativo. No mesmo sentido, os escritos reflexivos só variaron en pequenos matices derivados das circunstancias vitais, chamadas ás veces "madurez".

Finalmente, agradezo a todos e cada un dos lectores que esteades aquí, porque grazas a vós cada historia crea outra historia. Ese é o obxectivo fundamental. Eu, aquí, construín a miña historia, unha historia que vai camiño do cuarto... O cuarto de século.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario