Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

jueves, 22 de enero de 2009

Cambio de forma na masa

Moitas sensacións corren polas miñas veas cando volvo entrar nas miñas fronteiras. Ver que a chuvia segue recibíndome como aquel día no que nacín é algo marabilloso. É un renacer, un subidón de adrenalina que me recorda que, quen e por que son así. É esencial coñecerse a un mesmo para poder coñecer ao resto e viceversa.

Desgrazadamente, neste mundo as cousas non se interpretan así. As fronteiras non serven para delimitar un sentimento común respecto aos veciños, senón que o que se pretende (e conséguese, verdadeiramente) é que eses veciños sexan coma nós. Inténtase acabar coa diversidade e isto faise por dúas vías: a bélica, ben coñecida por todos, e a mercantilística, dificilmente apreciable a primeira vista, pero que é o argumento máis palpable para explicar a ausencia identitaria que hoxe existe. E cando existe, repito, é malinterpretada no sentido de que o resto ten que ser igual a nós por ser eles inferiores.

Eu sinto a miña terra e gústame que exista xente diferente no mundo. É o mellor que nos pode suceder aos compoñentes da especie humana, a cal debemos distinguir da masa humana, composta por aqueles que teñen unha mente que sae en cadea da fábrica capitalista. Conformaríame, non obstante, con que se fixesen respectar a todos os cidadáns do mundo os seus dereitos esenciais, que, dende o meu punto de vista, son os que aparecen na Carta dos Dereitos Universais. O malo é que isto vai en contra do aparato político-social, empeñado en seguir construíndo masa que descoñece aquilo ao que ten dereito de seu.

Polo pronto nada vai cambiar. O desenlace chegará dentro de máis ou menos 50 anos, cando a crise xa sexa irreconducible. As ditaduras clásicas volverán ocupar o seu lugar no mundo e a masa cambiará a súa forma, pero seguirá sendo masa. É unha interpretación negativa e pesimista, mais aí queda.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario