Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

jueves, 17 de diciembre de 2009

Internet na época da especialización

A nova era na que estamos inmersos conleva unha aprendizaxe que non se pode ancorar nun só ámbito de estudo. A interdisciplinariedade é fundamental para toda análise que se faga no futuro, especialmente no mundo das letras e as artes. Os estudos da arte pola arte quedarán totalmente anulados polas combinacións de diferentes campos: literatura e cine; prensa e pintura; teatro e historia... Isto esixe dos estudosos ampliar a perspectiva de estudo, o que deriva, paradoxicamente, nunha redución do abarcable. O que pode parecer contraditorio non o é tanto, pois o que se producirá é unha maior atomización e especialización.

O outro día escoitei unha aseveración moi interesante e que aínda hoxe segue a dar voltas na miña cabeza. Máis ou menos dicía algo así: a pesar de estarmos inmersos nunha época caracterizada pola imaxe, o certo é que estamos na época da historia na que máis se escribe. E puña como exemplo os blogs. Precisamente isto é o que estou a facer neste momento: expresar a miña opinión nun medio inexistente ata hai un par de décadas. Quizais estes blogs sexan o mellor exemplo do que falaba no parágrafo co que iniciaba esta entrada. Internet é o medio que máis avanza cara á especialización, mais, pregúntome eu, que sucede coa información non contrastada?

Ante isto, a miña opinión é positiva sempre e cando o usuario que vaia utilizar esa información teña a vontade de corroborar por outro medio se o que le é certo. Quizais isto, que poida parecer absurdo, sexa o sustento da rede como medio libre, alleo ao control de institucións. A rede é o mellor exemplo de democracia, así que será responsabilidade dos cidadáns que manteñamos esta liberdade para non perdela como na maioría das cousas. Porque, como dicía Albert Camus, "a tiranía totalitaria non se edifica sobre as virtudes dos totalitarios, senón sobre as faltas dos demócratas". Con isto o que pretendo transmitir é que debemos crear un foro mundial no que caiban todas as opinións sen se golpear unhas ás outras; que os fins con que empreguemos a rede entren dentro da ética; e, sobre todo, que cada un asuma aquilo que efectúa.

*

1 comentario: