Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

sábado, 19 de diciembre de 2009

Cara a unha República federal

O pasado domingo fíxose en Catalunya un referendo en 166 municipios para que fose a xente a que opinase sobre se a súa nación se debía converter nun Estado de dereito. Como era esperable, saiu un si. Certo é que nin tiña validez, nin se realizou en todo o país catalán (moito menos nos Países Cataláns). Porén, o fundamental é que a xente por fin se puido expresar con liberdade. Estamos acostumados a que a prensa estatal ataque os nacionalismos periféricos, mais só somos nós os que tentamos manifestar verdadeiras posicións democráticas. E con isto non quero dicir que non vulneremos a Constitución con asiduidade, algo case inevitable, senón que apostamos polo que a xente, o pobo de a pé, di. Eles, dende a metrópole de Madrid, ampáranse na opinión pública, a cal, supostamente, está en contra do nacionalismo non españolista. Pero, que é a opinión pública senón a opinión duns poucos grupos de poder que modulan a opinión da gran masa? É iso a democracia da que alardean? Somos os que concibimos o Estado español doutra forma uns terroristas por preguntar aos nosos concidadáns que pensan?

Dende o meu punto de vista, o Estado español ten que reorganizarse institucionalmente. Nos tempos democráticos, as monarquías hai tempo que non teñen sentido. O rei é rei porque así o quixo Deus (tamén no 46 Franco, que de Deus tiña ben pouco) e ninguén excepto os da súa familia poden acceder ao trono. Os cidadáns, atendendo a isto, seguimos sendo vasalos dun home que pouco axuda a mellorar a vida e que simplemente nos sae demasiado caro aos contribuíntes. Así, en primeiro lugar, a República é unha necesidade inmediata.

Non obstante, esta República ten que acabar co centralismo existente na actualidade. O referendo catalanista é un claro exemplo de que hai moitos individuos que rexeitan a nacionalidade española, cando menos mentres o Estado sexa centralista. Desta maneira, só poderíamos entender un Estado español constituído por unha República federalista. Esta dividiríase en catro estados federais: Galicia, Euskadi, os Países Cataláns e España, correspondente ao resto do territorio. Con este modelo, responderíamos ás demandas dunha importante capa social, que, se nunca vai chegar a ser maioritaria dentro do Estado (Galicia só ten 3 millóns de habitantes fronte aos 46 do Estado español), é a mellor representación dun estado plurinacional. O que debería ser unha riqueza é explotado como argumento político negativo das forzas centralistas. Isto non ten vistas de ser cambiado. Por sorte, como dicía na entrada anterior, existe Internet, o que nos posibilitará gozar de voz nun Estado no que calquera destas ideas sería censurada. Non directamente, por ser ilegal, pero si a través dos que controlan o espazo social.

Canto ao nome desa posible República federal, eu apostaría por Hispania, seguindo a tradición latina. Non obstante, esta é unha cuestión menor. Máis importante, sería introducir o debate de ser habería que introducir a Portugal neste panorama. Eu son partidario, mais recoñezo a tremenda dificultade existente, polo que son bastante escéptico. Sexa como for, aposto cegamente por unha rápido recoñecemento das nacionalidades como algo de seu e non só como algo para a galería.

*

2 comentarios:

  1. Gústame isto, a min e a outros 10 millóns de habitantes da Hispania (sen contar Portugal como ti dis). Mais ti onde poñerias a capital de Hispania? Porque Madrid non pode cambiar de mentalidade dun dia para outro e pasar de ser unha cidade centralizadora e chulesca creéndose a mellor de españa, e pasar a ser a capital dunha republica federal.

    ResponderEliminar
  2. Penso que toda situación ten as súas vantaxes e os seus inconvintes... Non coido que os medios se presenten como opresores dos nacionalismos periféricos ou como partidarios do nacionalismo central exarcebado. Cando menos, non a Prensa. Os panfletos e cuchufletas duns cantos trastornados tráenme sen coidado.
    Segue a soñar, Yago. Nin República nin estado federal. Sabes ben da saúde que goza a ideoloxía do nacioanlismo central anclada na sociedade e tamén de que a monarquía española, a máis fecunda da historia, vai para longo... ou moito me equivoco...

    ResponderEliminar