Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

viernes, 6 de febrero de 2009

Os autores románticos

Ao máis puro estilo do escritor romántico, decido emprender un novo destino co fin de coñecer mellor as cousas que me arrodean e das que formo parte. Tamén eles buscaban naquelas viaxes chegar a coñecerse mellor a si mesmos, ante a súa incomprensión do mundo. Iso si, discrepo con eles en que haxa que terminar suicidándose. Eles quizais o tivesen máis complicado cá nós para expresar as súas ideas, porén na nosa sociedade existen outro tipo de impedimentos que, sen ser leis, silencian moitas ideas.

Outra idea que me parece interesante daqueles románticos é a súa noción de nacionalismo, ligada sempre a teses liberais. E, por se existe algún tipo de dúbida, non a ideas neoliberais vinculadas á economía, senón a conceptos democráticos. Xa daquelas sucedía o mesmo que hoxe: os liberais chegaban ao poder, pero logo non cumprían as expectativas do que deles se esperaba e a mudanza unicamente na vida aparecía no nome. Actualmente fálase de democracia e eu sigo cuestionándome a validez dese termo.

Porén, o máis importante de todo é a posición privilexiada do eu, ese mesmo eu que hoxe se agrupa con individuos (non eus) para formar masa. É esencial que cada un sexa posuídor dunhas ideas propias, persoais. Non nos podemos deixar manexar por ninguén e confiar na ideoloxía do eu.

É máis que evidente que se podería falar de moitas máis cousas dos escritores románticos, pero eu quero acabar este texto dicindo que, ao igual que pensan moitos autores, o Romanticismo é un movemento que nunca morreu. Dentro de 100 anos saberemos se é certo ou non.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario