Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

lunes, 23 de abril de 2012

A flor-illa

Non hai présa. Xa se acabou aquela primavera e todas as flores desapareceron. Habíaas amarelas e vermellas, as cales creaban unha falsa ilusión de paisaxe celestial. A min estas gustáronme moi pouco tempo, o que me levou descubrir entre elas unha branca. Metíase no medio de centos de flores coloridas que lucirían nas festas máis vulgares.

Todas as tardes ía contemplar a flor branca. Preguntábame que pensaría. Pensaría? Uns días apostaba que si e outros que non. Se cadra é culpa dos pétalos, que nos fan dubidar, facéndonos crer que está neles o noso futuro. Pero un día aconteceu algo marabilloso. A flor movérase. Non quixo estar nunca máis ao lado das súas irmás coloridas. Entón eu faleille, vin que realmente tiña vida, e pregunteille por que se cambiara de lugar. Estaba farta dos enganos: crer que querer era algo que dependía dela é un erro. As outras flores podían facer o que quixesen, pero ela non xogaría con ninguén.

O sol brillou todas as tardes. Charlaba horas e horas da miña vida coa flor. Considerábaa case como algo que formaba parte de min. Ela pedíame que a tocase e eu achegaba o meu nariz para cheirala. Era un aroma especial. Especial por fóra e especial por dentro. Dentro de min. Pouco importaba o que pensase o resto dos mortais ou o vínculo que puidese ter con aquel ser da natureza. Queríaa e non importaba nada máis.

O tempo corría moi lento nas noites. Durmía cunha flor de plástico para imaxinar que a tiña. Nunha desas longas madrugadas decidín que lle mostraría os meus sentimentos. Sería ao día seguinte. Así, pola mañá prepareime como nunca antes fixera: peiteime, puxen colonia e unha camisa. O camiño fíxeno case a trotar. Pero cando cheguei ao campo vinme sorprendido. Unha parella ocupara o meu espazo. El acariñaba o cóbado dela, mentres que ela esmagaba co seu outro cóbado a flor branca. Quixen berrar, mais non puiden. Logo só tentei pensar que a morte da miña flor fora por un xesto de amor verdadeiro.

*

No hay comentarios:

Publicar un comentario