Sobre min

Natural da Cañiza, son licenciado en Xornalismo (USC) e Filoloxía Portuguesa (USAL), ademais de posuír o máster de Profesorado. Actualmente traballo como asistente de lingua estranxeira en Francia. Gústame escribir, pero sobre todo gustaríame escribir máis e mellor.

domingo, 30 de agosto de 2009

Relacións diferentes

Ultimamente coñezo constantemente novas cousas en min. E descúbroas grazas a longas conversas que me fan pensar, que me fan rir, que me fan pasar as horas sen darme conta. O trato con cada persoa é un mundo, sae de nós unha personalidade nova que nos fai comportarnos de diferente modo segundo con quen esteamos. É moi complicado poder ser todas as personalidades con outra persoa; porén, é por iso que chama a atención cando unha é capaz de colmar moitas desas expectativas.

Dende o meu punto de vista, son estes últimos individuos os que nos permiten chegar a coñecernos mellor a nós mesmos, aínda que isto, a pesar de que poida parecer algo sinxelo, non o é tanto. Tamén observamos nesas persoas que a nosa forma de encarar a conversación é diferente e mostrámonos con menor presión, pois hai menos medo a equivocarse no que se vai dicir. Isto é, tendemos a ser máis naturais e espontáneos.

Por último, esta especie de "alma xemelga", ademais, aparece en moitos casos como un reflexo do que queres ser, xa que posúe un encanto que atrae por diversas razóns. Mais o peculiar é que con estas persoas si podes dar múltiples argumentos de por que che gusta a relación con elas. Son relacións básicas, pero sobre todo diferentes.

*

1 comentario:

  1. Penso que é imposible adoptar diferentes personalidades.. Só podemos amosar distintas facetas dunha mesma moeda.. Se somos a cara non somos quen de ensinar a cruz, eu penso. Con todo, si que estou de acordo contigo en que é bo que outros nos axuden a descubrirnos, malia que deberíamos ser nós mesmos, por iniciativa propia, os que nós coñecesemos ben a fondo. Pero o certo é que hai veces que coñecemos mellor aos outros que a un mesmo. Dixen.

    ResponderEliminar